Friday 03 de May de 2024

O Concello de Noia aplica un ano máis o tratamento preventivo do picudo nas palmeiras da Alameda


Tamén se procedeu a tratar o magnolio dos xardíns Felipe de Castro
O Concello de Noia continúa un ano máis coa súa campaña preventiva contra o picudo nas árbores de titularidade municipal, posta en marcha no ano 2016 e que permite que todas elas estean nun correcto estado sanitario. No día de hoxe procedeuse a aplicarlle este tratamento fitosanitario ás palmeiras da Alameda, que se lles aplica tres veces ao ano.
A concelleira de parques e xardíns, Mariola López Cierto, explica que “fomos dos primeiros concellos en actuar contra o picudo e levamos case catro anos tratándoas e comprobando que o tratamento ten unha gran eficacia. Sabemos que noutros municipios as palmeiras están asoladas polo picudo pero, grazas a estas actuacións preventivas, as que están na Alameda, nos xardíns Felipe de Castro e no IES están en perfecto estado”.

A maiores, hoxe procedeuse tamén á poda e tratamento, por parte dunha empresa especializada, do magnolio dos xardíns Felipe de Castro que o pasado mes de febreiro perdera unha gran rama, de entre 3 e 4 toneladas de peso. “O obxectivo desta actuación era compensar o peso da árbore, evitar máis roturas e volver a tratar novamente a ferida producida en febreiro”, explica a concelleira.